LEMBRO que sempre sae o sol o 1 de novembro. Non se me mollan nunca as flores. Levamos os ramos aos cemiterios e logo quedamos a comer en casa da madriña. Non é un día triste, nin tampouco unha festa leda. Simplemente, é un día especial.
De pequena, os primos chegabamos cedo para prepararlle un ramo ao neniño que está enterrado baixo unha pequena lápida de pedra no adro da igrexa. Era fillo duns mestres que estiveran na aldea, e tamén afillado da miña madriña. Morreu cando contaba só cuns meses de vida.
Esmerabámonos en buscarlle as flores máis fermosas do xardín, e compoñer un ramo xeitoso. Era o noso defuntiño, asumindo esa responsabilidade moral. Traballabamos arreo e todos xuntos. Como excepción, nunca tiñamos leas, ao contrario das demais veces que faciamos cousas en común.
Curiosa tradición esta dos defuntos, que foi mudando co tempo. Naceu coa idea do papa Bonifacio IV de consagrar o panteón de Agripa ao culto da Virxe e os mártires, conmemorando a todo os santos anónimos e descoñecidos pola maior parte dos fieis. Iníciase como unha homenaxe aos descoñecidos e convértese nunha loanza aos seres queridos que xa non están connosco, pero non son esquecidos nunca.
Comezou festexándose o 13 de maio, pero o papa Gregorio III cambia a data para inducir con maior facilidade a conversión dos pobos pagáns ao cristianismo, xa que se negaban a abandonar as súas festas. A véspera os celtas celebraban o Sambein, conmemorando a fin do verán e as colleitas, e a chegada do frío e a escuridade. Non obstante, este día, cada ano, o verán interrompe de novo o inverno. Non podemos esquecer as nosas raíces celtas, aínda que os galegos de hoxe non sexamos en maioría louros e de ollos azuis.
É fermoso manter as tradicións. É fermoso non esquecer aos que un día foron parte da nosa vida.
María Canosa
2 de noviembre de 2006
Halloween vs. Difuntos
1 comentario:
He tenido que habilitar de nuevo la moderación de comentarios. En este blog se admiten todo tipo de opiniones pero con argumentos y con respeto hacia las demás. El insulto y las malas formas no caben en este lugar. Si entras aquí con esas intenciones, no serás bienvenido.
Los anónimos han venido en forma de spam solamente, durante estos últimos meses. Me veo obligada, por lo tanto, a bloquearlos.
Siento que tenga que ser así.
Gracias.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Os galegos tedes tantas raices celtas coma un aragonés, un zamorano ou un soriano. As invasión de pobos célticos do século VIII a.C en adiante só foron en número reducido e espalláronse por todo o norte da península, moi especialmente no val do Ebro.
ResponderEliminarSupoño que todos queremos ter un ascendente ario, un fero guerreiro loiro vido do Norte...