16 de abril de 2010

Ángela Ruiz Robles (1895-1975)


A raíz de esta noticia de hoy de La Voz de Galicia, busqué más sobre ella...

Pouco se sabe dos primeiros anos de vida de Ángela Ruiz Robles. Naceu no concello de Villamarín, provincia de León, no ano 1895, froito do matrimonio de Elena Robles, ama de casa, e Feliciano Ruiz, militar. Probablemente cursou os seus estudos superiores na Escola Normal de Mestras e Mestres de León. Neste mesmo centro impartirá as súas primeiras leccións a partir do curso 1915-16.

Entre as materias das que con seguridade foi docente na Escola Normal atópanse as de Taquigrafía, Mecanografía e Contabilidade Mercantil; as dúas primeiras foron ao longo da vida de Ángela Ruiz Robles obxecto de estudo e reflexión continua. Deste xeito, mellorar as prácticas e a metodoloxía de ensinanza nos ámbitos da taquigrafía e da mecanografía resultou ser o xermolo de boa parte da súa produción bibliográfica posterior.

Antes de chegar a Galicia aínda tivo unha estadía intermedia en Gordón (León). Aquí foi nomeada mestra directora da Escola por acordo unánime da Xunta Municipal do Concello do 16 de abril de 1917. O antedito centro escolar era sostido daquela grazas ás axudas da cunca mineira de Santa Lucía.

Só foron uns meses o tempo que Ángela Ruiz Robles permaneceu na vila leonesa xa que na convocatoria de 1918 obtivo praza de mestra co número dous das oposicións para o Maxisterio Nacional. Neste mesmo ano incorpórase ao seu destino na escola da parroquia de Santa Uxía de Mandiá (Ferrol).

Houbo de quedar bo recordo da súa estadía en Mandiá xa que, segundo noticia recollida en El Ideal Gallego (18 de decembro de 1925), Ángela Ruiz, logo de levar dez anos [sic] á fronte da escola "realizando unha magnífica labor", obtivo o recoñecemento público dos veciños. Estes elevaron unha instancia colectiva, ao abeiro da Xunta Local e das autoridades, para solicitar "unha distinción oficial polos seus indiscutibles méritos". No mesmo artigo afírmase que a súa dedicación docente chegaba ao punto de, logo de pechar a escola, visitar moitos fogares da parroquia "para poñer leccións desinteresadamente".

O día 12 de outubro de 1929 pronunciou unha conferencia en Ferrol que se titulaba "Historia Patria de la Raza", recollida en distintas novas de El Correo Gallego, La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 16 e 17 de outubro. En setembro de 1934 noméana rexente da Escola Nacional de nenas do Hospicio de Ferrol.

Así transcorren os anos, nun quefacer monótono, tenaz e magnífico a prol da educación. Ata aquí a vida e obra de Ángela Ruiz Robles transcorreu polos vieiros da normalidade, a non ser polo seu indubidable interese polos asuntos sociais e a súa concepción ampla de miras da profesión que sempre exerceu: o maxisterio. Pero en breve tempo chegaría un momento clave, o primeiro annus admirabilis, 1938. Este ano publica os seus tres primeiros libros, os titulados: Compendio de ortografía castellana, Ortografía castellana e Taquigrafía martiniana abreviada moderna. Entre 1938 e 1946 edita e reedita a meirande parte da súa produción escrita, en total dezaseis obras. Debe incluírse na nómina, por alusións a el correspondencia persoal, o libro Prácticas telegráficas marítimas, a pesar de non ter constancia fidedigna da súa edición.
Durante estes mesmos anos Ángela Ruiz impartía clases particulares a opositores de Aduanas, Correos e Telégrafos; así mesmo preparaba o exame de ingreso ás Escolas de Altos Estudos Mercantís.

A súa vida docente complétase co seu labor futuro (entre 1945 e 1975) como profesora e directora da Escola Obreira Gratuíta, do Instituto Ibáñez Martín e da Academia para adultos Elmaca de Ferrol. Neste sentido, a carreira profesional de Ángela Ruiz Robles foi recoñecida co ingreso na Orde civil de Afonso X, o Sabio, con categoría de Cruz (22 de setembro de 1947); a imposición celebrouse con todo o boato no salón de actos do Concello de Ferrol (19 de xullo de 1950).

Por outra banda, cómpre comentar que a súa constante inquedanza didáctica e pedagóxica levouna a camiñar pola senda da inventiva. Neste eido, practicamente ermo en canto á presenza de mulleres españolas ata a década de 1970, dona Ánxela deseñou a máquina taquimecanográfica, un mapa e atlas lingüístico gramatical e unha enciclopedia mecánica, cos que obtivo abondosos recoñecementos e premios nos certames celebrados nas cidades de Zaragoza, Xixón, Barcelona, Madrid, París e Xenebra.

Finalmente, Ánxela Ruiz Robles foi, desde xuño de 1959, xestora delegada da Agrupación Sindical de Inventores Españois (ASIE) en Galicia e, desde setembro de 1973 xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional. A base fundamental do seu traballo profesional radicou sempre na necesidade vital de innovar nos ámbitos da pedagoxía e da didáctica.

2 comentarios:

Douce dijo...

Eso es lo que se llama una vida plena.

Campurriana dijo...

Desde luego, Douce. Esta mujer debiera ser más conocida. Ahora ya sabemos quién es y, efectivamente, merecía este homenaje.